13 de ago. de 2025

Acumulación de envíos e falta de persoal na Unidade de Reparto de Correos de Sanxenxo


A CIG-Correos xunto coas traballadoras e traballadores da Unidade de Reparto de Sanxenxo, levou a cabo unha mobilización esta mañá, diante da Oficina desta localidade.

As traballadoras e traballadores denuncian a necesidade de dotar con máis persoal a quenda de mañá na unidade, na cal hai 6 prazas sen cobertura, por distintos motivos (xubilacións, vacantes e IT). Seccións que teñen que asumir o resto de integrantes da unidade.

Salientan que unha poboación como Sanxenxo, de 17.000 habitantes, chega a quintuplicar a súa poboación durante o período estival, (durante o ano 2024 superou os 750000 visitantes) e Correos na vez de reforzar o servizo, reduce o seu cadro de persoal nun 40% o que supón unha sobrecarga tanto física como psíquica,  que afecta a estabilidade emocional, de “querer e non poder” das traballadoras e traballadores que se atopan neste momento realizando as tarefas de reparto na localidade.

Denuncian que a isto súmase o incremento do número de vehículos, o que supón unha dificultade nos desprazamentos que se teñen que realizar (atascos, retencións, falta de aparcamentos.....) para cubrir as zonas de reparto que teñen asignadas.

Nesta unidade, a día de hoxe, hai varios miles de envíos ordinarios sen repartir e un número salientable de envíos rexistrados, (notificacións, certificados...)

A espera de que sexan atendidas as súas peticións, que non son outras que a cobertura das vacantes e das ausencias por IT, van seguir coas mobilizacións, nas vindeiras datas.